Convocan as axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeira
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2021-2022. O orzamento para esta nova convocatoria ascende a un total de 2,15 millóns de euros.
A finalidade destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2021 e o 28 de febreiro de 2022. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.
Os gastos subvencionables serán os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas.
Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún. Así mesmo, deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo que teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.
A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir de mañá.
O enlace á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210121/AnuncioG0426-301220-0005_gl.html