Convocan aos veciños de Burela a un cribado dende o mércores
O Concello habilitou unha segunda liña de teléfono para que aqueles traballadores e traballadoras máis expostos ao público poidan chamar e anotarse ao cribado masivo que vai realizar o Sergas a partir de mañá, mércores, pola tarde. Será no autocovid do Hospital da Mariña.
O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “este cribado está a ter unha repercusión moi grande entre a poboación de Burela. Debido á cantidade de chamadas que recibimos no día de onte en poucas horas e esta mañá desde as oito, decidimos habilitar unha segunda liña de teléfono para que a xente poida anotarse. As probas comezarán, segundo nos informan desde o Sergas, a realizarse mañá pola tarde e durante os vindeiros días no autocovid do Hospital da Mariña. Empezan mañá pola tarde e seguirán xoves e venres e si fose necesario tamén o sábado”.
O rexedor explicou que “a xente que se apuntou recibirá un sms indicándolle a hora e o día á que ten que acudir a realizar a proba”.
Llano lembrou que “o cribado para tentar evitar e controlar a aparición de novos brotes de covid19 está dirixido a persoas que desenvolven a súa actividade laboral, profesional ou de voluntariado de cara o público usuario dos servizos públicos ou privados, e do terceiro sector prestados no ámbito territorial do termo municipal Concello de Burela (persoal empregado ou profesional do sector público entre cuxas funcións estea a de atención ao público, así como o dos sectores relativos ao comercio retallista, á hostalería, restauración e/ou hospedaxe, aos supermercados, ás tendas de alimentación, ao transporte público ou privado de viaxeiros, ao asistencial, e calquera outro sector análogo)”.
Mañá, mércores, ás 14:00 horas remata o prazo para inscribirse neste cribado masivo que se realizará en Burela. Os teléfonos para anotarse son o 608 555 300 e o 982 879 325.
Preto de 400 persoas se apuntaron ata o día de hoxe no Concello de Burela para seren sometidas á proba correspondente.