Convocados tres cursos on line de mariñeiro pescador
A Consellería do Mar vén de convocar tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 22 de febreiro e o 9 de abril de 2021 e cunha duración de 50 horas. Cada unha destas accións formativas estará titorizada por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro da Consellería, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.
O período de inscrición para estes cursos, que contan con 60 prazas cada un, está aberto desde mañá ás 08.00 horas ata o vindeiro 22 de xaneiro ás 15:00 horas. A relación de admitidos será establecida en función da hora e do día de prematrícula dos candidatos. Toda a información sobre esta oferta formativa pode consultarse no apartado de teleformación da web da Consellería do Mar.
Os 60 admitidos en cada curso deberán matricularse no centro de ensino correspondente e poden consultar a documentación precisa para facelo no Anexo II da orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na comunidade.
Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial en cada un dos centros dependentes da Consellería do Mar. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.