Convocados os Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

TerraChaXa | AMariñaXa
Convocase a décima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.
18 Feb 2019

Convocase a décima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nela establécense as bases do galardón. Hai ata oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; cultural e de recuperación patrimonial no medio rural; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor.
Os premiados recibirán un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada, que executaran un proxecto en Galicia que teña contribuído de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá.
Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader, que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios ou que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou Estados membros.
Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

0.21148085594177