Convocado un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo

AMariñaXa
Convocado un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo. Os matriculados deberán superar unhas probas físicas
mar recolector oceano
4 Mar 2022

As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o próximo mércores e as accións formativas impartiranse entre os meses de abril e xuño.

A Consellería do Mar vén de convocar un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula neste curso, que conta con 12 prazas, está aberto ata próximo mércores 9 de marzo.

Esta acción formativa, que se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 4 de abril e o 7 de xuño en horario de 9.00 a 15.00 horas todos os luns e martes desas semanas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.

Antes da realización do curso as persoas matriculadas deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 21 de marzo no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar. A data de realización das probas físicas será o 23 de marzo ás 16.00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico. Esta terá lugar o 31 de marzo ás 16.00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.

Para poder presentarse á proba da cámara hiperbárica, as interesadas e interesados deberán presentar un certificado médico que acredite a súa aptitude para realizar esta proba así como unha PCR negativa feita nas 72 horas previas á realización do test na cámara hiperbárica. 

As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria publicada no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar no seguinte enlace

0.15588092803955