Convocado o concurso 'Polos nosos negocios' de apoio ao consumo local ribadense

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
26 Mar 2020

Acisa convoca o concurso Polos nosos negocios de apoio ao consumo local. Trátase de deseñar un cartel e un eslogan que animen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir tamén na súa hostalería.

Nas bases explícase que “o tema no que se debe inspirar o cartel é chamar á poboación para apoiar ás pequenas empresas, hoteis e servizos en Ribadeo, cando remate esta situación ocasionada polo coronavirus. Ten que insistir no positivo de mercar nas pequenas tendas e consumir na hostalería local para revitalizada despois de atravesar por unha mala situación. O slogan debe ir na mesma liña e debe ser claro, conciso e directo. E non de poderán empregar palabras que aludan á actual situación, como alerta, coronavirus, crise sanitaria, etc… deberán utilizarse palabras que inciten á compra, á positividade e á alegría”.

As bases recollen que “calquera técnica ou modalidade é válida para a confección do cartel. O formato debe ser vertical e o traballo final que se presentará debe incluír imaxe e slogan”.

Acisa establece dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan.

Desde a directiva de Acisa aclaran que “se considerará a posibilidade de que o slogan e a imaxe se escollan por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar a posibilidade de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Neste caso o gañador recibiría 300 euros en vales de compra, porque tería presentado o mellor cartel e o mellor slogan”.

O prazo de presentación de traballos rematará o 12 de abril. No concurso pode participar calquera persoa, de calquera idade, xa sexa neno, adolescente, adulto, empresario, empregado… Os carteis e slogans deben ser feitos e gardados por cada participante, “e terán que enviar fotografía dos mesmos por correo electrónico a info@acisaribadeo.es ou ao whatsapp 663 39 62 26. No correo debe figurar o nome e apelidos da persoa participante, o teléfono de contacto, o lugar de residencia, en caso de ser menor de idade debe presentar autorización dos pais ou titores”.

Puntuarase de forma adicional: se a obra se presenta acompañada dun texto que defina para quen se realiza, que significado ten para esa persoa o comercio e a hostalería local e por qué se mercar ou consumir nelas.

O presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, animan “ás veciñas e aos veciños de Ribadeo a sentarse, a meditar e a deseñar o seu cartel de apoio ao comercio e á hostalería locais. Agora que este confinamento nos ten á maioría na casa dediquemos un anaco do noso tempo a pensar de qué xeito poderíamos axudarlles, cómo animaríamos e potenciariamos o consumo local, nos establecementos do noso barrio, nos que temos a carón das nosas casas”.

As bases do concurso Polos nosos negocios poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo.

0.16522002220154