Convocado o concurso de carteis para a XXXIX Feira do Bonito de Burela

AMariñaXa
A Sociedade Cultural Ledicia anima a participar nesta edición aberta a todas as idades
feira-do-bonito-burela-3
16 Apr 2025

A Sociedade Cultural Ledicia vén de anunciar a convocatoria do concurso de carteis para a XXXIX Feira do Bonito, que terá lugar os días 2 e 3 de agosto de 2025 na zona portuaria de Burela. O certame, aberto a todas as persoas interesadas, divídese en dúas categorías: a Categoría A, para menores de 14 anos, e a Categoría B, para maiores desa idade.

Os participantes poden presentar unha ou varias propostas, que deberán estar relacionadas co bonito e coa exaltación da feira. O deseño debe incluír obrigatoriamente o título XXXIX Feira do Bonito, así como a data e o lugar da celebración. A técnica é libre, pero os traballos dixitais deberán presentarse cunha copia impresa. As dimensións requiridas son de 15 x 20 cm para a Categoría A e de 50 x 65 cm para a Categoría B.

As propostas poden entregarse ata o 12 de maio de 2025 no local da Sociedade Cultural Ledicia, situado na Rúa do Ril, 4 de Burela, os luns de 20:30 a 22:30 horas, ou enviarse por correo postal. Tamén é posible contactar coa xunta directiva para outras opcións de entrega.

Os carteis gañadores serán empregados na difusión do evento: o mellor traballo da Categoría A ilustrará o programa de man, mentres que o gañador da Categoría B será o cartel oficial da feira. Os premios consistirán en agasallos representativos da festa, que se entregarán durante a celebración do evento.

A participación no concurso implica a aceptación das bases, dispoñibles para consulta no correo lediciascr@gmail.com.

⚙ Configurar cookies
0.18008685112