Convocado o Concurso de Carteis da Maruxaina 2026

AMariñaXa
A Asociación Amigos da Maruxaina abre o prazo para presentar obras que anunciarán a festa o vindeiro mes de agosto en San Cibrao
XXVI-maruxaina-2023
14 Jan 2026

A Asociación Amigos da Maruxaina vén de convocar unha nova edición do Concurso de Carteis da Maruxaina, correspondente ao ano 2026, co obxectivo de escoller a imaxe oficial dunha das celebracións máis emblemáticas da Mariña lucense, declarada Festa de Interese Turístico Galego. A iniciativa está aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen presentar propostas creativas inspiradas na esencia desta festividade, agás os membros da directiva da entidade organizadora.

Os carteis deberán estar dedicados á Festa da Maruxaina, que se celebrará o 8 de agosto de 2026 en San Cibrao, no concello de Cervo, e deberán incluír obrigatoriamente o texto “Maruxaina. San Cibrao, 8 de agosto de 2026. Declarada de Interese Turístico Galego”. As obras terán formato A4, en posición vertical, e deberán presentarse en branco e negro, sen limitacións no tipo de letra empregado nin na técnica artística, sempre que non se utilicen sombreados.

As propostas deberán ser orixinais e inéditas, presentadas sen sinatura do autor ou autora e baixo un lema ou pseudónimo. Xunto ao cartel deberá entregarse un sobre pechado que inclúa os datos persoais da persoa participante, co fin de garantir o anonimato durante o proceso de valoración. O lugar de entrega será a Casa da Cultura de San Cibrao, en horario de mañá, de luns a venres.

O prazo límite para a recepción dos traballos rematará o venres 15 de maio de 2026 ás 14.00 horas. No caso dos envíos por correo postal, terase en conta a data do selo. O xurado estará composto polas nove persoas que integran a directiva da Asociación Amigos da Maruxaina, e o fallo farase público a partir do 17 de maio a través dos medios de comunicación e das redes sociais da entidade.

O cartel gañador recibirá un premio económico de 200 euros e converterase na imaxe oficial da festa. A entrega do premio terá lugar o venres 7 de agosto de 2026, nun acto previo á celebración da Maruxaina. As obras presentadas pasarán a ser propiedade da asociación, que poderá facer uso delas para fins de difusión e promoción do evento.

⚙ Configurar cookies
0.085248947143555