Convocadas as axudas para o sector pesqueiro coas que avanzar na formación dos profesionais
Convocadas as axudas para o sector pesqueiro coas que avanzar na formación dos profesionais do mar e contribuír á remuda xeracional, así o comunicou o Goberno galego. Esta convocatoria, que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia esta semana, é a primeira vez que se realiza e conta cun orzamento de preto de 890.000 euros a repartir entre as anualidade 2021 e 2022 co obxectivo de favorecer a mellora da capacitación dos profesionais do mar e a remuda xeracional no sector.
Destas achegas, que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), poden beneficiarse as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións profesionais do sector e as demais entidades asociativas de profesionais do sector pesqueiro con sede social en Galicia, que poden concorrer tanto de xeito individual como conxunto.
Este novo modelo de apoios vén a complementar a formación que se imparte nos portos e pretende favorecer unha mellor adaptación dos cursos ás necesidades dos seus destinatarios pois as confrarías ou entidades asociativas do sector -como promotores da formación- poderán adecuar o desenvolvemento das actividades formativas ás datas e horarios que mellor se axusten ao labor dos profesionais da súa área de influencia. Un modelo que xa foi exposto a semana pasada aos representantes do sector nun encontro con técnicos na Consellería do Mar.
A finalidade é impulsar a competitividade do sector extractivo, mellorar as capacidades dos traballadores do mar para facilitar a súa aprendizaxe permanente, a súa integración en actividades complementarias da pesca e reducir os accidentes no sector así como favorecer a remuda xeracional mediante a formación de novos profesionais que se incorporen ás actividades marítimo-pesqueiras. Trátase de actuacións que contribúen a impulsar o sector, xerar emprego e riqueza nas zonas costeiras e mellorar o conxunto da economía de Galicia.
A orde establece que a intensidade das axudas pode acadar o 100% do investimento subvencionable e aos importes directos subvencionables poderanse engadir en concepto de custos indirectos o 7% dos custos directos, sufragados con fondos propios da comunidade autónoma, co obxectivo de compensar os gastos nos que incorren as entidades do sector para a organización das accións formativas.
A convocatoria establece que poden ser obxecto de subvención proxectos e actividades formativas que se desenvolvan en Galicia e dirixidas maioritariamente a pescadoras e pescadores profesionais, os seus cónxuxes ou parellas de feito e pescadoras e pescadores por conta propia así como, nalgún caso, a calquera persoa que se estea preparando para acceder ao sector pesqueiro.
Actividades subvencionables
As accións a desenvolver poden ser cursos de formación específica marítima e náutico-pesqueira para o sector -os que requiren os profesionais do mar de xeito continuo-, cursos de mariñeira ou mariñeiro pescador -dirixidos a todo tipo de persoas que queren entrar no sector, polo que son fundamentais para a remuda xeracional-, actividades de mellora das competencias dixitais ou de xestión sustentable dos recursos e ecosistemas mariños.
A eles engádense, entre outros, os de innovación, xestión empresarial, emprendemento, comercialización e seguridade alimentaria, igualdade de oportunidades no sector, seguridade e hixiene no traballo, lexislación e xestión ambiental, transferencia tecnolóxica, seminarios, xornadas ou obradoiros en materia de pesca e marisqueo.
Os interesados en solicitar as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesarios na orde que publicou o DOG o pasado luns. Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o martes e deberá facerse por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).