Convocada a quinta edición dos premios Exceleite

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Ábrese a convocatoria dos premios á excelencia da calidade de produtores galegos de leite cru de vaca, os premios Exceleite
vacas
19 May 2021

Ábrese a convocatoria dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite, así o publicou hoxe o DOG.

Esta é xa a quinta edición destes galardóns, tras a boa acollida das catro anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen. 

Os premios “Exceleite” distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas.

Melloras na convocatoria

Este ano, como novidade, introdúcense melloras para limitar, por unha banda, a avaliación da calidade do leite exclusivamente ao período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria anual dos premios. Trátase de acurtar os prazos transcorridos entre a extracción dos resultados dos parámetros hixiénico-sanitarios das explotacións, a súa avaliación, a selección de finalistas e, finalmente, a entrega de premios. Por outra banda, tamén se establece un sistema máis áxil de convocatoria de novos produtores en caso de non aceptación do premio por parte dalgunha gandaría.

Ademais, nos actos de entrega dos premios vénse denominando Exceleite de ouro o primeiro galardón e Exceleite de prata o segundo, polo que, tendo en conta que estas denominacións adquiriron significación propia, considérase convinte recoller este feito na norma reguladora dos premios.

Enlace á orde completa:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210518/AnuncioG0426-110521-0001_gl.html 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17601704597473