Convocada a folga da limpeza para o día 20 de xuño
O vindeiro 20 de xuño, CIG, UGT e CCOO teñen convocada unha xornada de folga no sector da limpeza da provincia de Lugo para reclamar un convenio colectivo digno. A folga afecta a todo o persoal regulado polo convenio de edificios e locais é para dar máis visibilidade "a esta xusta loita". As centrais teñen convocada tamén para ese día unha manifestación que sairá ás 12h do edificio sindical na Ronda da Muralla.
Así o anunciaron este mércores nunha comparecencia de prensa na que cualificaron de "claramente insuficiente" a última proposta presentada pola patronal, que ofrece un convenio a catro anos (2022-2025) sen cláusula de revisión, cun incremento salarial do 12% a distribuír nos 4 anos de vixencia, e cunhas “primas de convenio” non consolidábeis de 272€ para o ano 2022 e de 200€ para o ano 2023.
Consideraron que a patronal estatal que domina o convenio (Clece, Eulen, ISS etc.) pretende perpetuar a precariedade nesta negociación, mais as asembleas de traballadoras e traballadoras deron un non rotundo a esta oferta de miseria, apostando pola mobilización para conseguir melloras reais nos seus salarios e nas súas condicións laborais.
Neste senso, Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, critica que a oferta patronal é unha miseria "para un convenio que actualmente xa quedou por debaixo do SMI" (unha limpadora cobra de salario base 13.594€/ano en 15 pagas), e por iso advirte que, alén dun incremento xusto, "a revisión anual ao IPC é irrenunciábel no actual contexto de IPC desbocado, ao igual que o pago dos atrasos correspondentes ao ano 2022".
A convocatoria desta folga responde ao mandato saído das asembleas, nas que as traballadoras e traballadoras trasladaron a súa disposición a loitar porque "non se pode seguir a precarizar cada vez máis o sector da limpeza. Nestes últimos anos foron persoal esencial que tivo que estar na primeira liña, dando a cara e arriscando a saúde nuns momentos de moita incerteza. Agora a patronal quere pagarlles cun convenio de miseria".
A este respecto, as centrais sindicais instan a patronal a recapacitar nas súas posicións posto que, de non producírense avances na negociación, no mes de setembro convocarase folga indefinida. "De termos que chegar a este punto, avanza Asunción Castiñeira, que teñan claro que non vai ser pola mesma plataforma reivindicativa. Se as traballadoras teñen que asumir os custes dun conflito, o escenario cambia radicalmente".