ConVive impulsa o lecer inclusivo en Barreiros con actividades gratuítas para a mocidade

A asociación APNED vén de presentar en Barreiros o programa ConVive, unha iniciativa de lecer inclusivo pensada para que nenos, nenas e mozos poidan compartir experiencias nun ambiente accesible, participativo e enriquecedor. O programa inclúe oito actividades gratuítas ao longo do ano, especialmente en fins de semana e períodos vacacionais, co obxectivo de fomentar a convivencia, a diversión e o acceso igualitario ao ocio.
Desde a organización destacan que a iniciativa busca combinar aprendizaxe e entretemento, ofrecendo propostas lúdicas e culturais adaptadas ás necesidades de todos os participantes. Trátase de crear espazos nos que a inclusión sexa o eixo central, permitindo que cada neno ou nena poida gozar das actividades sen barreiras.
A primeira saída celebrarase o 11 de abril cunha visita ao Parque da Vida, en Luarca, marcando o inicio dun calendario que se estenderá ao longo dos próximos meses. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través dun formulario habilitado pola organización. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
As familias que consigan praza recibirán a documentación necesaria e serán incluídas nun grupo de comunicación co que se facilitará toda a información relativa ás actividades.
O programa conta coa colaboración activa do Concello de Barreiros e da Área de Mocidade da Deputación de Lugo, entidades que apoian e promocionan esta iniciativa centrada en un modelo de lecer máis inclusivo, accesible e aberto á diversidade, fomentando o compromiso social e a participación da mocidade da localidade e da comarca.