Controversia en Ribadeo polo derrubo do peche do Gregorio Sanz


A Plataforma polas nosas árbores de Ribadeo expresou a súa preocupación polo novo peche perimetral do Colexio Público Gregorio Sanz, cuxas obras comezaron recentemente. Segundo sinalan, moitos tramos do muro existente estaban en boas condicións e poderían rehabilitarse, evitando a demolición total que se está a executar.
Os críticos destacan que máis do 60 % do peche actual mantén resistencia e protección adecuadas, e que os piares e a base de ladrillo de dobre tabique non presentan problemas estruturais. A Plataforma asegura que non se realizou un estudo técnico-económico previo que valorase alternativas máis sostibles, como o uso de madeira procedente de montes galegos ou a recuperación dos tabiques existentes.
Ademais, apuntan que o novo peche, feito con formigón e postes de plástico, incrementa os custos en materiais e man de obra, é difícil de reparar en caso de danos e non supón unha solución máis respectuosa co medio ambiente. Lamentan tamén que, como noutras actuacións recentes, se cortasen árbores sen unha xustificación real.
A Plataforma defende que proxectos deste tipo deberían contaren coa participación do profesorado, nais, pais e alumnos, fomentando a implicación da comunidade educativa. A súa reivindicación céntrase en aproveitar ao máximo os recursos existentes e garantir unha actuación sostible, eficiente e respectuosa co entorno.