Contratada a nova numeración do rueiro de Foz
O Concello de Foz procedeu á contratación, con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación, da nova numeración do rueiro do termo municipal. O alcalde, Fran Cajoto, explica que “actualmente a numeración está sobre uns planos do ano 1995 desactualizados, sobre os que se foron anotando a man as novas numeracións. A perda ou extravío desta documentación constituiría un grave problema para trámites tan habituais como os empadroamentos. Ademais, os planos non son fieis á realidade, xa que na cartografía non se inclúen numerosas vivendas e hai erros de localización, polo que non se pode realizar un traballo fiable e preciso”.
O rexedor municipal engade que “a creación da nova base de datos, que se fará sobre un sistema de información xeográfica GIS, virá a resolver este problema. É moi habitual que distintas vivendas compartan o mesmo número co engadido dunha letra. Ademais certas direccións non se recoñecen en aplicacións tan empregadas como Google maps e isto xera problemas cos servizos de correo e paquetería, que non localizan moitas vivendas. Debemos poñer solución a este problema”.
O alcalde anuncia ademais que se aproveitará a ocasión para nomear rúas que están aínda sen nome: “no casco urbano hai varios exemplos, como a rúa que conecta Álvaro Cunqueiro e Rúa do Pilar á altura da pastelería Anduriña. Farase unha proposta buscando o maior dos consensos e mellorando desta forma a localización de todos os portais”.
Fran Cajoto destaca que “o traballo non se limita ao casco urbano, senón que se estende a todo o concello de Foz. É por iso que o prazo de execución se elevou aos 8 meses de traballo, para un importe de adxudicación de 17.908 euros”.