Continúan os traballos de limpeza nas parroquias de Ribadeo

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, destacou a mellora na coordinación e planificación das tarefas, co obxectivo de garantir un mantemento adecuado
parroquia-ribadeo
3 Out 2024

Ribadeo está a intensificar os esforzos na limpeza das súas parroquias, acometendo xa a terceira xornada de traballo. O alcalde, Dani Vega, destacou a mellora na coordinación e planificación das tarefas, co obxectivo de garantir un mantemento adecuado das zonas rurais. “Seguimos traballando e coidando as nosas parroquias. Estamos desbrozando todas e cada unha delas”, declarou Vega, quen admitiu que este ano foi “certamente complexo” debido ao crecemento da herba, o que dificultou a chegada rápida aos distintos puntos. “Pedimos desculpas porque non puidemos chegar tan rápido como queríamos”, engadiu.

O rexedor subliñou a magnitude do territorio, que abarca 106 km², afirmando que “hai moitos quilómetros de estrada para limpar”. No entanto, afirmou que é fundamental corrixir e perfeccionar certos aspectos do servizo. Neste sentido, anunciou que o Concello conta agora con tres tractores —dous do Concello e un da Xunta— e que cada tractorista ten asignada unha parroquia específica para facilitar a limpeza. “Antes, podíamos comezar nunha parroquia e mudar rápidamente de lugar. Agora, permaneceremos en cada parroquia a non ser que se presente unha emerxencia que esixa un cambio”, explicou Vega.

Ademais, comentou a importancia de manter unha estreita colaboración coas asociacións de veciños, que son clave para informar sobre o estado das parroquias e coordinar actuacións en caso de necesidades inmediatas. O alcalde destacou a importancia da seguridade nas estradas, tendo en conta a convivencia entre o tráfico rodado e os peóns, así como os veciños que practican deporte ou pasean. “Debemos garantir un espazo seguro para todos”, asegurou. “Seguimos coidando as nosas parroquias e, a través da coordinación co Concello e os veciños, podemos afirmar que en Ribadeo temos as parroquias máis coidadas e ben planificadas”, concluíu Dani Vega.

 

0.17482399940491