Continúan este sábado as presentacións de Lareira de Soños
Os Vilares Lareira de soños e a Nova Poesía Guitirica NPG continuarán este sábado a programación de novidades desta tempada nas redes para ofrecer as últimas novidades literarias a través do Facebook destas entidades en directo.
A cita será, como no resto de actividades, ás 20.00 horas no Facebook do grupo e tratarse da presentación de A guerra era contra nós, de Carlos da Aira (Edicións Xerais). Aira é o gañador do VIII Premio de poesía Manuel Lueiro Rey, creador e principal valedor do Festival de poesía POEMAGOSTO de Allariz e gañador do festival galego-portugués aRii[t]mar 2020. Carlos ten editados tamén os poemarios Prender os fachos, compoñer os ósos e Pólvora que o convirten nun dos poetas galegos de maior recoñecemento na actualidade.
O programa #DoTrinque continuará no mes de marzo. Os rostros do frío (Edicións Fervenza) de Xulio Pardo de Neyra poderá verse o 6; a novela Abril, de Luz Darriba (Editorial Belagua) terá a súa presentación o 13; Bambán no vento (Fundación Eomaia) de Hortensia Bautista e do colectivo poético Versos de area de Ponteareas e a artista Aurora Quinteiro, o 20; e Non estamos preparados para medrar (Editora Urutau) da poeta da Costa da Morte Teresa Ríos Noya será a última cita prevista.
A programación seguirá en abril con máis novidades literarias ás que calquera se poderá sumar en directo polo Facebook da Nova Poesia Guitirica NPG e posteriormente gravado en diferentes espazos das redes sociais e en YouTube.