Continúan en Viveiro as restrincións de tráfico rodado na área monumental
O Concello de Viveiro recorda á veciñanza a necesidade de cumprir cos horarios establecidos para a circulación de vehículos na zona vella do municipio. Esta medida forma parte da Ordenanza de regulación da circulación, que ten como obxectivo restrinxir o tráfico rodado na área monumental, co fin de preservar o patrimonio e favorecer a convivencia entre os residentes e visitantes.
A ordenanza establece que só poderán circular pola zona vella aqueles vehículos que conten con autorización específica, como os pertencentes ás forzas e corpos de seguridade, ambulancias, bombeiros, protección civil, así como vehículos sanitarios e funerarios. Ademais, o Concello concederá autorizacións adicionais para circular por esta zona a aquelas persoas que cumpran certos requisitos.
Entre os que poden optar a estas autorizacións atópanse os usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais que necesiten realizar carga e descarga entre as 9.00 e as 12.00 horas dos días laborais, e os servizos de distribución e reparto no mesmo horario. Os servizos de distribución de pastelaría e panadaría poderán gozar dun horario ampliado de 7:00 a 22:00 de luns a venres. No caso do mercado semanal, o horario de entrada será de 7:00 a 9:00, e o de saída, de 13:00 a 15:00.
As persoas con mobilidade reducida, residentes ou traballadoras na zona, tamén poderán solicitar autorizacións, así como os residentes que terán horarios específicos de entrada os luns de 9:00 a 12:00 e os venres de 15:00 a 17:00. Os servizos de reparto de comida e medicamentos poderán circular entre as 9:00 e as 22:00, mentres que o persoal de obras terá un horario de 8.00 a 20.00.
Ademais, o Concello poderá expedir autorizacións concretas para eventos, celebracións ou situacións extraordinarias que non se inclúan nos supostos anteriores, polo tempo que sexa necesario. Desde o Concello lémbrase que, a pesar de que na actualidade non hai persoal en activo na Policía Local de Viveiro, existen vixiantes que supervisan o acceso á zona monumental para garantir o cumprimento desta ordenanza.