Continúan as obras de canalización da nova depuradora de Foz

Foz
AMariñaXa
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia para o mes de setembro a continuación das obras de canalización de impulsión da nova depuradora no casco histórico da vila.
Obras-nova-depuradora-Foz
1 Ago 2024

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia para o mes de setembro a continuación das obras de canalización de impulsión da nova depuradora no casco histórico da vila. A tubaxe atravesará as rúas de Otero Pedrayo, Congostra do Cura e Paco Maañón. “Grazas á insistencia municipal as obras comezaron e a estación depuradora contará cun punto de descarga para o baleirado de fosas sépticas, que se está a tramitar a través dun proxecto modificado”, destaca o alcalde.

O goberno municipal conseguiu tamén “que se mantivese a construción dun novo tanque de tormentas que se situará na praia de Llas, para evitar as verteduras que se producen en períodos de choiva na parte central da praia”. Asegura que sempre colaboran “ante o risco de continuar cunha ría sen depurar, aínda que non nos convenza unha solución que vai a supoñer un sobrecusto anual de 150 mil euros soamente na enerxía do equipo de bombeo para elevar as augas fecais. Tampouco nos felicitamos pola rapidez dunha obra que comezou con oito anos de atraso, creo sinceramente que non se debe enganar aos veciños”, destaca o alcalde.

Ademais Fran Cajoto cualifica de “tremenda ocorrencia o aplauso forzado que lle fai o voceiro popular a Augas de Galicia polo avance das obras da depuradora. Obras que son posibles, segundo recorda, pola insistencia, a tramitación, o impulso e o traballo continuo de moitas horas que está a facer o goberno municipal”. O alcalde recorda que “o convenio inicial marcaba o ano 2016 como o de inicio das obras. Ata este 2024, oito anos despois, non comezaron os traballos e o voceiro popular vanaglóriase da rapidez. Sen embargo quéixase amargamente do retraso de un ano nunha obra conveniada coa Deputación como é a das casas baratas. Este é o nivel”.

A nova depuradora, que xestiona Augas de Galicia, ten un custe total de 13.467.885,58 euros: nun 80 por cento están financiadas pola Unión Europea a través dos Fondos Europeos de Desenrolo Rexional para o período 2014-2020 (10,78 millóns de euros). O 20 % restante está financiado polas veciñas e veciños, que pagan nas súas facturas de auga cada dous meses o concepto “canon da auga”, un imposto finalista establecido na Lei 9/2010 de Augas de Galicia (2,72 millóns de euros).

“O máis curioso é meter á Deputación de Lugo polo medio cando quen recada o canon da auga é Augas de Galicia. Creo sinceramente que se está perdendo o norte das competencias intentando crearlle máis confusión á xente. Sexamos serios”, explica o alcalde, en referencia ás alusións do Partido Popular.

O Concello “é responsable e requirimos ás empresas que evitaran a construción da canalización de impulsión nos meses de verán no centro histórico. Vamos seguir reclamando celeridade, pero tamén a máxima das calidades nas obras dunha infraestrutura que vai a ter que conservar e manter o Concello e que supoñen un reto pola complexidade dun bombeo que atravesa o núcleo da vila”, remata o rexedor municipal.

0.12849617004395