Continúan as actividades de xeoturismo da man da Mancomunidade de Concellos da Mariña
Os días 17, 18 e 25 de maio seguen as actividades de xeoturismo organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña. Será coa xeoruta das Minas, na Pontenova, a xeoruta ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo e a xeoruta de Cerrochán, en Trabada. A xeoruta da Pontenova partirá da Praza dos Fornos ás 10 da mañá este venres, 17 de maio.
Os asistentes poderán coñecer os materiais de idade paleozoica que compoñen sinclinal de Vilaoudriz e a orixe do ferro que se explotou nas minas Consuelo e Boulloso desde concello. Esta ruta será conducida por Fran Canosa. A xeoruta da praia das Catedrais dará comezo ás 17 da tarde deste sábado, 18 de maio, no punto de información do areal. Os participantes coñecerán a orixe dos materiais que forman estes acantilados e de que xeito foron deformados e fracturados para que a forza do mar creara formas tan singulares. O encargado de guiar esta visita será Iván Rodríguez Lombardero.
A xeoruta do Cerrochán, na parroquia de Vilapena, iniciarase ás 10 horas e levará aos participantes ata o Alto de Cerrochán, en Trabada. A visita permitiralles coñecer e entender tanto aspectos xeolóxicos coma da paisaxe do lugar e desfrutar dunhas impresionantes vistas dende o cumio. A actividade estará guiada por Iván Rodríguez Lombardero. A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, indicou que “dentro deste programa de actividades de xeoturismo estaba contemplado programar unha segunda vez as distintas xeorutas que se foron desenvolvendo desde finais de decembro do pasado ano. Deste xeito, aquelas persoas que non puideron desfrutar delas nas anteriores convocatorias teñen unha nova oportunidade”.
As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse nestas actividades poden facelo a través de https://amarinalucense.gal/es/geoturismo O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.