Continúa o apoio á ILP sobre medidas urxentes para a Atención Primaria
Na mañá de hoxe o BNG proseguiu na campaña de recollida de sinaturas en apoio á ILP sobre medidas urxentes para a Atención Primaria que promoven colectivos sociais como SOS Sanidade Pública ou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
A sanidade pública de todo o país está a pasar por un dos peores momentos con múltiples problemas tanto na atención hospitalaria, coma na atención primaria. Como é sabido, as políticas sanitarias do Partido Popular levaron a esta situación que se fai notar, e dun xeito moi acusado na nosa comarca, na Mariña, e tamén en Xove un concello de 3.360 habitantes que ao longo deste verao, ao igual que moitos da Mariña tivo problemas no Centro de Saúde, “donde se estivo case todo o verao con unha soa médica e tamén con moita demora para as citas, demora que a dia de hoxe sigue a producirse”, tal como afirmou o concelleiro do Bng Carlos Fdez. Louzao, que incidiu tamén na situación do servizo de pediatría que funciona luns mércores e venres e os demais días hai que ir a Burela, a maiores dos días que pode fallar dentro dos mencionados.
Desde o BNG, Carlos Fdez. Louzao e Miguel García, concelleiros que participaron na recollida de sinaturas anunciaron que proseguirán nos vindeiros días tamén con esta iniciativa. “Desde Xove temos que respaldar esta ILP para que chegue ao Parlamento cos máximos apoios e o PP teña que rectificar a súa política de desmantelamento da sanidade pública”, afirmaron.