Continúan as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade: por Xove e Trabada
A vindeira fin de semana seguirán por Trabada e por Xove as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade: A Mariña. Plans con Corazón. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística durante os meses de outubro e novembro.
A paisaxe fluvial e a etnografía de Trabada serán as protagonistas o vindeiro 12 de outubro. A visita será guiada por Carmen Delia. Os asistentes realizarán unha pequena visita para descubrir tradicións, a historia, o patrimonio natural e industrial de Trabada comezando polo Eo nun espectacular recuncho de Ría de Abres. Os participantes terán a posibilidade de coñecer a vía verde que vertebrou a comarca, ademais de ser parte do patrimonio industrial da Mariña, como é o caso da Sociedade Mineira de Vilaodriz.
O percorrido rematará no museo etnográfico de Trabada, onde poderán observar a colección de José Rocha, e despois degustar algún produto típico da zona. O domingo, 13 de outubro, as rutas da Mancomunidade achegaranse ata San Tirso de Portocelo, en Xove, da man de Boris Vilar. As persoas que acudan a esta visita descubrirán desde Punta Roncadoira a monumentalidade da paisaxe costeira xovense, gozando dunha magníficas vistas, que non deixan indiferente a ninguén.
Achegaranse ata o antigo forte de Punta Mexiluíde, sobre o que se poden contemplar os restos da igrexa e do anterior mosteiro de San Tirso de Portocelo. E subirán ao Monte Castelo para ver as formacións graníticas desa zona así coma os cantís. Toda a información sobre as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade de Concellos da Mariña atópase na web.