Continúa activa a campaña ‘Compostaxe Rural' de Viveiro

AMariñaXa
A campaña permitirá distribuír ata 200 composteiros de balde a fogares situados en vivendas illadas
solicitude-composteiro-viveiro-2025
13 Jan 2025

A tenencia de alcaldía de Viveiro informa que continúa activa a campaña ‘Compostaxe Rural’, coa que a veciñanza do municipio pode solicitar composteiros de maneira gratuíta.

Segundo explica a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, esta iniciativa busca "impulsar a compostaxe individual en vivendas unifamiliares, fomentando a xestión autónoma dos residuos orgánicos". Bermúdez destaca tamén que "a compostaxe é unha práctica tradicional profundamente enraizada no rural galego, e os composteiros axudan a optimizala, contribuíndo á sustentabilidade e á economía local".

A campaña permitirá distribuír ata 200 composteiros de balde a fogares situados en vivendas illadas que conten cunha parcela ou horta de, polo menos, 25 m². Desde o inicio do programa, xa se solicitaron 46 destes composteiros.

As persoas interesadas en obter un composteiro poden facelo a través do teléfono 697 162 637, o correo electrónico viveirosostible@fcc.es ou mediante o formulario en liña dispoñible na páxina web do Concello.

Os composteiros, cunha capacidade de 400 litros, deberán instalarse no exterior das vivendas, preferentemente nun lugar sombreado e protexido das condicións meteorolóxicas, como baixo unha árbore de folla caduca. Ademais, é importante que se coloquen en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos que contribúan á descomposición dos residuos.

Na primeira visita ao domicilio, faise entrega do composteiro individual cedido polo Concello e procedeuse á súa instalación no lugar adecuado. Ademais, ofrécese unha formación inicial ao usuario para garantir o seu correcto uso.

Uns tres meses despois, realízase unha segunda visita ao domicilio para proporcionar asesoramento adicional, resolver posibles dúbidas e supervisar que o composteiro se estea utilizando correctamente, asegurando así o éxito da campaña.

0.071124076843262