Continúa aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros da Deputación sobre o sector primario
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, lembrou que continúa aberto o prazo de inscrición para os tres obradoiros gratuítos de formación no sector primario impulsados polo Goberno da Deputación. Un total de 60 veciños poderán reconverterse laboralmente a través destes cursos, que formarán aos alumnos no aproveitamento forestal, a transformación da madeira, ou nas competencias necesarias para traballar en granxas de leite e carne, un dos perfís máis demandados polos empresarios do sector na provincia.
López Izquierdo, lembrou que “as explotacións gandeiras, dinamizadoras económicas da provincia, afrontan un grave problema, o do relevo xeracional. O éxodo rural leva aos mozos a abandonar as granxas, polo que cada día son máis as explotacións que acaban pechando. Por iso estamos a falar dunha oportunidade real para os participantes neste obradoiro, porque a organización dos mesmos responde a unha demanda específica dos propios empresarios gandeiros”
Esta programación constitúe unha liña de capacitación profesional do DesenvolvendORural, o plan de Deputación de 2,2 millóns de euros para xerar emprego e poñer en valor o rural.
3 obradoiros con 900 horas de formación
Esta liña de formación gratuíta ofrecerá case 900 horas de formación a través de 3 obradoiros, cunhas 20 prazas cada un. Os cursos son:
- Formación para granxas de leite e carne, impartido por Unións Agrarias. Conta con 365 horas de formación coas que os participantes recibirán as competencias para traballar en granxas de leite e carne. Divídese en 4 eixos temáticos: manipulación de fitosanitarios, benestar animal, seguridade e saúde no traballo. Tamén se afondará na rutina e actividades específicas do día a día nas explotacións de vacún de leite.
- Formación básica forestal, impartido por ASEFOGA. Ofrece 200 horas para formar aos alumnos no ámbito do aproveitamento forestal. Engloba catro aspectos: método de repoboación, aspectos xerais da silvicultura, coidados culturais, seguridade e saúde no traballo, e as actividades específicas no desenvolvemento das labores nas explotacións forestais.
- Formación en transformación da madeira, impartido pola Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo. Dispón de 300 horas de formación encamiñadas a dotar aos participantes de competencias xerais precisas para traballar en empresas de transformación.
Os interesados poderán atopar máis información en www.deputacionlugo.gal e realizar a súa inscrición a través da web da Axencia de Colocación (https://deputacionlugo.portalemp.com/) ou no teléfono 982260204 ata o 30 de xaneiro.