Contenedores desbordados y malos olores, el balance del verano en Ribadeo según el BNG

O BNG de Ribadeo volveu cargar contra a situación da limpeza viaria no municipio, que cualifica de “insostible” e “vergonzosa” para unha vila turística como Ribadeo. A formación lembra que, malia ás reiteradas queixas da veciñanza e ás súas propias denuncias, a imaxe que ofrece a localidade ao longo do verán resulta “lamentable”.
Desde o grupo municipal sinalan que é habitual atopar contedores desbordados, regueiros de graxa polas beirarrúas e sucidade acumulada en diferentes puntos do núcleo urbano. A situación é aínda máis grave nas parroquias do rural, onde —aseguran— “os colectores de cartón non se recolleron en todo o verán”.
Os nacionalistas engaden que espazos emblemáticos, moi frecuentados tanto pola poboación local como polos visitantes, presentan unha “sensación noxenta” pola falta de mantemento. Aluden tamén ao “deterioro e abandono” do mobiliario urbano e a un “cheiro nauseabundo” que acompaña en moitos recunchos, transmitindo, segundo din, unha sensación xeralizada de deixadez.
O BNG ironiza ademais con declaracións de responsables políticos doutros tempos que afirmaban que “Ribadeo ulía mal”. Agora, sosteñen, “ou perderon o olfacto ou prefiren mirar para outro lado, porque a situación é aínda peor”.
Para o grupo municipal, o problema radica nun goberno local “desbordado e incapaz de xestionar un servizo tan básico como a limpeza”. Conclúen que “son capaces de baleirar as arcas públicas, pero de manter limpas as rúas non parecen estar á altura”.