Constrúen unha barreira de protección sobre o Ouro en Trasmonte
O Concello de Foz continúa coa súa política de mellora da seguridade viaria en puntos conflitivos para os peóns e para o tráfico. Dentro dese plan acaba de colocar unha nova barreira de protección na ponte sobre o río Ouro que hai en Trasmonte.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica “o perigo que presentaba a ponte sobre o río Ouro no camiño a Trasmonte, en Santa Cilla. A antiga varanda, moi rudimentaria, feita con tabiquería e dúas tubaxes metálicas, estaba vencida pola caída dunha árbore e non se repuxera. Agora na lonxitude do viaduto dispúxose un pretil metálico homologado con nivel de contención H2, de forma que se garanta a seguridade de todos os vehículos ao cruzar esta ponte. Tamén se instalaron carteis indicativos do río Ouro, poñendo en valor os valiosos recursos naturais nun dos recunchos máis fermosos do noso concello”.
O rexedor municipal destaca que “unha das prioridades na renovación dos viais municipais do casco urbano e parroquias é a seguridade. Nese sentido estamos actuando na disposición de lombos para a redución de velocidade e a instalación de barreiras nos puntos onde unha saída da vía poida causar un accidente de gravidade”.