Consenso para a formación dun goberno de maioría no Valadouro

AMariñaXa
Os grupos municipais do PSdeG-Psoe e o BNG no Concello do Valadouro venen de asinar un acordo de goberno para o período 2021-2023
valadouro goberno psoe bng
30 Xul 2021

Os grupos municipais do PSdeG-Psoe e o BNG no Concello do Valadouro venen de asinar un acordo de goberno para o período 2021-2023, ata o remate do presente mandato. Un acordo necesario para levar a cabo actuacións que dean resposta áxil e eficaz ás diferentes problemáticas da veciñanza  e aos novos retos do  concello do Valadouro sobre todo nun momento complexo e condicionado pola pandemia do Covid19, tal como afirmaron o alcalde Edmundo Maseda e mais quen  agora pasará a desempeñar o cargo de 1º Tenente Alcalde, Eduardo Chao.

O acordo básase principalmente en aspectos organizativos xa que  as liñas programáticas de socialistas e nacionalistas para o concello neste mandato son semellantes e en moitos casos complementarias. No novo organigrama  que contempla a participación do BNG no goberno municipal os edís nacionalistas formarán parte da Xunta de Goberno Local e desempeñarán as seguintes funcións: Eduardo Chao González, 1º Tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Normalización Lingüística e Medio Rural e Eliseo Teijeiro Orol, concelleiro de Obras e Deportes e 3º Tenente alcalde. O resto de concellarías correspóndenlle ao PSdeG-Psoe.

A corporación do Valadouro está formada por 4 edís do PSdeG-Psoe (lista mais votada), 4 do PP, 2 do BNG e 1 de Udival  e ata agora gobernaba o PSdeG-Psoe en mínoría.

“Este acordo de goberno terá como base  o consenso e o diálogo entre as nosas formacións políticas para dar resposta ás demandas da veciñanza, pois o noso compromiso principal  é coas veciñas e veciños do Valadouro” manifestaron Edmundo Maseda e Eduardo Chao.

0.11632680892944