Confirmado o cartel do IX festival Aturuxo de Bravos
A Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos xa ten confirmado o cartel para o festival Aturuxo deste 2021 que se celebrara o 10 de xullo. O festival ourolés chega este ano a súa novena edición xa que o ano pasado tivo que suspenderse por mor da pandemia.
Este ano contarán co Circo Chosco ás 12.00 horas e o seu espectácuo Forzu2 e xa pola noite ás 21.00 horas será a quenda de Ce Orquestra Pantasma, as Tanxugueiras e Os D'Abaixo. "Un cartel adaptado ás circustancias, pero coa mesma enerxía de sempre", din dende a organización.
Este ano o aforo será limitado, polo que o acceso ao recinto só será posible con entrada impresa ou QR, que se poderá reservar online.
Unha vez no recinto serán de obrigado cumprimento as normas covid, máscara, hixiene e distancia, así como atender e respectar as indicacións tanto dos membros da organización, coma dos voluntarios e membros do persoal de Protección Civil que axudarán na coordinación do evento.
O obxectivo do Festival Aturuxo de Ourol é poñer en valor a cultura galega pois cada edición desta cita reúne a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional.
Por outra banda, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, asinaronun convenio de colaboración para impulsar unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos. Esta cita, que reunirá o vindeiro 10 de xullo a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional, contará cunha achega de preto de 10.000€ da institución provincial.