Conferencia en Ribadeo para falar de guerra e xenocidio a cargo do Foro Social da Mariña

O xoves, 23 de outubro ás 19.30 horas no Salón de actos da Escola Municipal de Música de Ribadeo, o Foro Social da Mariña organiza unha conferencia–coloquio titulada Cultura de paz en tempos de guerra e xenocidio a cargo de Manuel Dios Diz , ex director da Fundación Cultura de Paz en Galicia, fundador e ex presidente do Seminario Galego de Educación pola Paz.
"Optar pola paz, polo entendemento, polo diálogo e a solución pacífica dos conflitos non está de moda; precisamente cando traballan a pleno rendemento as poderosas maquinarias de odio e de belicismo. Pero tamén hai moita xente que decide non calar e opta por mobilizarse e berrar con todas as súas forzas contra as guerras e os crimes contra a humanidade", explican os organizadores.
A palestra vai desenvolver esta problemática desde a perspectiva dun educador para a paz, sobre a paz e a violencia, sobre os conflitos, sobre a orixe e as compoñentes da cultura de paz e tamén sobre como desaprender a guerra e a violencia, as compoñentes da educación para a paz, os valores cívicos e democráticos e os Dereitos Humanos e a súa vulneración.