Conde reitera no Parlamento o seu compromiso cos traballadores de Alcoa e A Mariña
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou no Parlamento o compromiso da Xunta cos traballadores de Alcoa e a industria na Mariña. Así, apuntou que, mentres que o Goberno “non entendeu nada tras a folga da semana pasada”, a Administración autonómica quere estar ao lado dos traballadores e das súas familias, defendendo as súas reivindicacións para que se garanta o mantemento dos empregos e da produción de aluminio primario.
O vicepresidente económico sinalou que o Goberno non está a cumprir a súa palabra, xa que non fixa un prezo eléctrico competitivo para que as empresas interesadas en Alcoa formalicen as súas ofertas; nin intervén temporalmente a planta, no caso de non atopar unha saída dialogada. Fronte a isto, desde a Xunta, tal e como subliñou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, seguirase esixindo a activación de todas as ferramentas que o Goberno ten á súa disposición para afrontar a venda de Alcoa con seguridade, incluída a intervención temporal a través da Sepi no caso de que non se desbloquee a operación de venda.
Dentro do seu compromiso coa industria galega e co emprego industrial, a Xunta declarou a industria electrointensiva como sector esencial e estratéxico en Galicia, para dar prioridade aos seus proxectos de modernización e transformación, reducindo á metade os prazos. A Administración autonómica tamén colaborou co comité de empresa e sindicatos nas medidas xudiciais adoptadas, e segue ao carón dos traballadores solicitando ao Goberno un prezo eléctrico competitivo e, de ser necesario, a intervención temporal da planta de San Cibrao a través da Sepi.