Conde mostra o seu apoio ao comité de empresa de Alcoa

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Jan 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou aos traballadores de Alcoa, nunha xuntanza que mantivo en Santiago co comité de empresa da Coruña, e á espera do resultado da asemblea do luns, todo o apoio do Goberno galego que, segundo afirmou, seguirá vixiante e, como ata o de agora, mantendo a mesma actitude proactiva, achegando propostas, para asegurar o futuro dos empregados.
Neste senso, o conselleiro agarda que o Goberno de Pedro Sánchez reaccione “nesta segunda oportunidade” establecendo un marco enerxético estable, predicible e competitivo para salvagardar o emprego da industria electrointensiva. “Hai que seguir traballando de forma intensa acelerando as vías posibles de solución”, apuntou.
De ampliarse o prazo ata o 30 de xuño, o titular de Economía indicou que é preciso seguir avanzando no que considera un paso fundamental e que debe aplicar o Estado: fixar un prezo competitivo da electricidade para este sector e así poder atopar un investidor disposto a facerse cargo das plantas de Alcoa e que, polo tanto, estea disposto a manter os postos de traballo.
Conde sinalou que o problema de Alcoa é un problema enerxético, polo que destacou que agora é o momento de que o Goberno central acelere ao máximo todas as vías posibles para que os traballadores e traballadoras de Alcoa poidan ter un futuro asegurado máis aló de xuño.
O conselleiro espera que se ratifique o preacordo adoptado entre empresa e sindicatos, ao tempo que defende a necesidade de manter a mesma unidade de acción para seguir buscando solucións de futuro para as fábricas da Coruña e de Avilés. Indicou que a xuntanza celebrada hoxe permitiu identificar a importancia desta unidade de acción mantida ata o de agora e insistiu en que a Xunta seguirá colaborando “de xeito proactivo”. Para iso, sinalou a importancia de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica se incorpore á mesa industrial.
Pediu, ademais, a implicación de Alcoa para identificar inversores que precisan de certezas e concrecións desde o punto de vista eléctrico, un obxectivo, segundo o conselleiro, compartido pola Xunta e o comité de empresa.
Conde lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez aínda non puxo sobre a mesa alternativas factibles e urxentes, facendo fincapé nas propostas que fixo a Xunta e que foron consensuadas coa industria electrointensiva galega para dar viabilidade ao sector. Estas achegas pasan por definir a figura do consumidor electrointensivo; reducir nun 90% os peaxes de acceso na parte relativa ao custo do transporte; establecer mecanismos de compensación por emisión de CO2 de carácter trimestral; e medidas a curto prazo que deberán aplicarse con carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro.
En definitiva, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria pediu ao Estado que “pise o acelerador” e a Alcoa que asuma a súa corresponsabilidade. “O único xeito de atraer investidores é que se aposte con feitos e non só con palabras pola industria electrointensiva galega”, rematou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16107201576233