Conde lembra en Viveiro o compromiso de “rebaixar do 21 ao 10% o IVE aos salóns de peiteado”
O candidato número 1 da lista do PP lucense ao Congreso, Francisco Conde, lembrou “o compromiso do Partido Popular de rebaixar o IVE aos salóns de peiteado do 21 ao 10%” durante unha visita a Viveiro na que, acompañado por membros da candidatura, coñeceu a Peluquería Ángeles Salgueiro, rexentada pola coordinadora da plataforma Creer en Nosotros.
Conde lembrou que “o PP propuxo moitas veces esta medida, xusta cun sector que viviu moitos sacrificios ao longo da pandemia, e en todas elas o PSOE votou en contra”.
Os candidatos populares visitaron tamén Muras, Ourol e O Vicedo onde Francisco Conde, José Manuel Barreiro e Mercedes Rodríguez interviron nun mitin avogando por concentrar o voto no Partido Popular como “única alternativa” ao bloque de esquerdas que farán o posible por gobernar “a través dun pacto de perdedores. É necesario un apoio sen fisuras porque son en provincias como Lugo onde un escano arriba ou abaixo cambiará o futuro de España”.
Os populares lembraron a parálise da A-74 e o peche de Alcoa pola incapacidade do Goberno de Sánchez por ofrecer un prezo eléctrico competitivo, “asuntos dos que o PSdeG se acorda en campaña, pero que non fixeron nestes cinco anos”. A este respecto, indicaron que “se goberna Feijóo e o Partido Popular, a autovía A-74 será unha realidade e Alcoa contará cun verdadeiro marco enerxético que achegue estabilidade á industria e garanta a reactivación da fábrica de aluminio e o futuro dos traballadores”.
Conde tamén pediu “unha maioría suficiente para gobernar para todos” que permita rebaixar o IVE ao pescado e á carne, traballar por un sector pesqueiro máis competitivo, con máis emprego e máis estable, mellorar a fiscalidade no rural ou impulsar a conciliación, entre outras medidas.