Conde amosou o compromiso do PP coa autovía da Mariña e cun prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva

AMariñaXa
Conde amosou o compromiso do PP coa autovía da Mariña e cun prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva
Conde 2023 MITIN FOZ (2)
14 Xul 2023

O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, asegurou durante un mitin en Foz que “se goberna Feijóo e o Partido Popular, a industria electrointensiva contará cun prezo eléctrico competitivo” e, polo tanto, “quedará garantido o futuro de centos de familias da comarca da Mariña” que dependen laboralmente de Alcoa.

O candidato popular, que foi un dos relatores do mitin xunto ao cabeza de lista ao Senado José Manuel Barreiro e a candidata número 4 ao Congreso, a focense Mercedes Rodríguez, condenou os “cinco anos de incumprimentos do Goberno coa comarca”. Conde sinalou que “o Goberno de Pedro Sánchez acordouse nesta campaña de que ten pechada a única fábrica de aluminio primario que existe en España, Alcoa en San Cibrao; pero do que non se acordou na lexislatura foi de establecer os mecanismos necesarios para dispoñer dun marco enerxético estable”.

Igualmente, dixo sobre A-74: “Empezo a pensar que o de 74 é polo número de veces que veu o PSOE dicir que desta vez si e que o BNG dixo que estaría vixiante no Congreso”. Nese sentido, tamén asegurou que “se goberna Feijóo e o Partido Popular, a autovía da Mariña será unha realidade” que permita facer máis competitivas as empresas da comarca.

MAIORÍA SUFICIENTE PARA UN CAMBIO DE ETAPA

Conde incidiu en que “falta menos para o cambio en España, unha nova etapa en España á galega e que escribiremos todos xuntos. En 10 días producirase un cambio para ben da man do Partido Popular, marcado polo sentidiño”.

O popular lembrou que “Feijóo lle ofreceu a Sánchez un acordo para que goberne a lista máis votada, absténdose o que quede segundo; pero non respondeu. Sabemos que PSOE, BNG e Sumar van facer o posible para acadar un pacto de perdedores e gobernar. Votar a Vox en Lugo é votar a Pedro Sánchez”, engadiu. Por iso precisamos “encher as urnas de votos do Partido Popular que garantan unha maioría suficiente. O único voto útil para botar a Pedro Sánchez é o do Partido Popular”.

LEVAR A ESPAÑA O MODELO GALEGO

Conde pediu o apoio de Foz, da Mariña e da provincia para facer que este sexa un verán azul e que redunde en beneficio de todos e todas, sen cidadáns de primeira e de segunda. “Queremos levar a España o modelo galego”, subliñou.

Algunhas das medidas que recolle o programa electoral do Partido Popular son a redución do IRPF ás rendas máis baixas (ata 40.000 euros), mellorar a fiscalidade no rural, fomentar a conciliación das familias que elixan vivir no rural.

En relación ao sector pesqueiro, traballar para que sexa máis competitivo, con máis emprego e máis estable, promover a remuda xeracional, apoiar a investigación mariña e pesqueira e, sobre todo, rebaixar o IVE ao pescado igual que ás conservas e á carne para favorecer o seu consumo.

O candidato popular tamén sinalou outras propostas coma o compromiso con Galicia para desenvolver unha ordenación do litoral a nivel do Estado que escoite a Lugo, incluír a industria do mar no Perte Agroalimentario e consensuar co sector a Estratexia Nacional de Economía Azul.

CAMPAÑA NA MARIÑA

O cabeza de lista do PP ao Congreso visitou esta tarde na Mariña Riotorto onde coñeceu de preto a empresa Hortícolas Javier Mirando xunto ao cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro.

Igualmente, achegouse a Burela para participar nun reparto electoral xunto á candidata número 4 ao Congreso, Mercedes Rodríguez, e o coordinador xeral do PP lucense e membro da candidatura ao Senado, José Manuel Balseiro.

0.21391606330872