Conclúe o trámite ambiental do Plan especial de protección de Mondoñedo
A Consellería de Medio Ambiente descarta efectos significativos e non o somete a avaliación ordinaria, aínda que traslada a necesidade de incluír unha serie de determinacións.
A Xunta non espera efectos ambientais significativos no Plan especial de protección e rehabilitación (Pepri) do conxunto histórico de Mondoñedo, polo que considera que non é necesario sometelo a avaliación ordinaria.
Deste xeito, este instrumento avanza na súa tramitación ao concluír o procedemento ambiental, tal e como se indica no informe ambiental estratéxico, emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
O principal obxectivo do Plan é protexer, rehabilitar, conservar e poñer en valor o conxunto histórico deste concello da Mariña lucense.
Aínda que non se esperan efecto ambientais adversos, no propio informe sinálanse unha serie de determinacións a ter en conta e que se deben incorporar ao Pepri. Unha delas é atender ás medidas protectoras e correctoras expostas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como realizar un traballo de campo para identificar todos os bens do patrimonio cultural existentes no ámbito da actuación. Asemade, o Catálogo do Plan incluirá os bens merecedores de protección identificados no traballo de campo e aqueles recollidos no Catálogo do Pepri do ano 1994.
Indícase que o plan especial deberá conter un estudo da paisaxe e un estudo específico da paisaxe urbana e, na zona inundable e na zona de fluxo preferente do río Valiñadares, a ordenación que se proxecte deberá dar cumprimento ás limitacións aos usos que o Regulamento do dominio público hidráulico e o Plan hidrolóxico de Galicia-Costa establecen para estas zonas.
Por último, outra das recomendacións que se traslada é a necesidade de estudar a ordenación dos contedores de lixo e establecer zonas de aparcadoiro que liberen de vehículos o casco histórico.
Asemade, o Concello vén de trasladar que terá en conta as consideracións recollidas no informe en relación á protección do patrimonio cultural, a paisaxe e as zonas inundables, así como a reordenación do equipamento; para garantir o cumprimento dos obxectivos do Pepri.