Concertos, pasarrúas e actividades infantís rememorarán as patronais de Ribadeo
A Concellaría de Cultura ven de presentar a programación coa que se rememorarán as festas da Patroa do 4 ao 8 de setembro. Os espectáculos serán para ver sentados e en recintos perimetrados. Haberá concertos, pasarrúas e actividades infantís. En Ribadeo estará o Mago Antón o día 6 e o 8, Día da Patroa, os Cocos e os Cabezudos bailarán nun espazo habilitado para eles. Haberá misa cantada pola Coral Polifónica ribadense. Esa xornada tamén ofrecerá o seu tradicional concerto da Patroa a Banda Municipal de Música de Ribadeo. Non serán unhas festas patronais como as anteriores á pandemia, pero o Concello quere contribuír “a que siga vivo o noso espírito festeiro”, segundo declarou a concelleira de Cultura, Pilar Otero.
Otero explicou que “comezamos o sábado 4 con pasarrúas do Cuarteto Illa Pancha, a partir das doce. Pola tarde, ás sete no salón de plenos da Casa do Concello haberá un acto a cargo do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, que presentará a reedición, esta vez tamén no noso idioma, do libro O Camiño de Santiago de José Luis Trashorras Méndez. Ás oito e media comezará unha noite dedicada ao blues con dúas agrupacións de grande calidade no cartel, Martíns Aneiros Band e Travelling Brothers, que non necesitan presentación”.
O domingo 5, e dentro do programa Musiqueando da Área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, actuará á 13.30 horas a banda da asociación cultural Os Xograres de Lemos O Folión e ás 20.00 horas, o grupo de música tradicional Os Misturos animará as rúas de Ribadeo.
O luns 6 tamén soará pola mañá a música de Seimeira, e estará instalado no parque un camión máxico e é que o Mago Antón ofrecerá, desde as 12.00 ata as 22.00 horas, sesións de maxia co seu espectáculo A volta a Galicia en 313 concellos.
O martes 7 volve Pakolas cun concerto para público familiar ás 20.00 e ás 22.00 horas comeza un evento musical que está tendo moitísimo éxito este verán nas vilas que visita, trátase de Mitic. O espectáculo, cuxo subtítulo, Deixa que a gaita che conte a banda sonora da túa vida, conta con temas que abranguen desde os anos 30 aos 80 e os 90 mais versionados de xeito que a gaita é a protagonista pasando a ser o violín de Candilejas, á guitarra de Brian May ou a voz de Frank Sinatra co seu inesquecible My way. Escoitarase un tango ao son de El día que me quieras ou lembrarase a Escarlata O´Hara co tema de Tara. Os anos 60 levara á xente á fiestra de Audrey Hepburn e o seu Moon River e chegará ao pop da man dos Beatles. Un espectáculo para todos os públicos onde non quedarán indeferentes nin os máis rockeiros ao escoitar os primeiros acordes de The final countdown e vibrar ao son dos Guns N´Roses, nunha maneira particular e diferente de homenaxear aos máis grandes da música como Ennio Morricone ou Freddy Mercury.
O mércores 8 será a aparición máis esperada por simbólica, a do Cocos e os Cabezudos, que non van poder facer o seu tradicional pasarrúas mais si que se poderán ver nun espazo habilitado para que bailen, acompañados polo Cuarteto Illa Pancha na zona do Cantón
Ás 12.00 horas na igrexa parroquial terá lugar a misa cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo. Á 13.30 horas, outro dos eventos máis queridos e esperados, o concerto do Día da Patroa a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadeo. Rematará a xornada co trío de jazz Mezcal Times no quiosco da música ás 20.00 horas.
Durante todos estes días de eventos, seguirá colocada, no paseo do parque, a exposición organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Xela Arias. A poesía do retrato, unha mostra que busca divulgar a figura da muller escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.