Concerto en lembranza da emigración na residencia Betania de Viveiro

A Residencia Betania de Viveiro acollerá o vindeiro luns 18 de agosto, ás 18.00 horas, unha cita musical e espiritual cargada de simbolismo. A xornada comezará cunha misa en memoria dos devanceiros, dedicada tanto a quen tiveron que marchar en busca de futuro a outras terras como a aqueles que foron afastados das súas raíces e da súa orixe, onte e hoxe.
Tras a celebración relixiosa, o público poderá gozar do recital “Rumbo América”, unha proposta que conecta a música coa historia da emigración galega e co sentimento de identidade compartida. A interpretación correrá a cargo de Julia M.ª Dopico Vale e Piñeiro, quen levarán ao escenario pezas cheas de emoción e lembranzas, evocando o camiño de tantos homes e mulleres que cruzaron o Atlántico.
A actividade quere ser unha homenaxe a todas esas xeracións que, pola necesidade ou pola obriga, deixaron a súa terra, mantendo sempre vivo o vínculo coa súa cultura e cos seus pobos de orixe.