Concepción Novo quere crear un voluntariado social na Pontenova como "complemento útil ao SAF"

AMariñaXa
AFabiola García, respaldou á candidata populares no concello da Pontenova, Concepción Novo, e avalou os seus proxectos en materia social.
pontenova concpcion novo PP
20 May 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respaldou á candidata populares no concello da Pontenova, Concepción Novo, e avalou os seus proxectos en materia social.

Nas súas intervencións, a titular do citado departamento da Xunta fixo fincapé en que o Partido Popular de Galicia ten demostrado ser a forza política que máis se preocupa polo benestar das familias. Lembrou así a posta en marcha de medidas históricas como a gratuidade das escolas infantís, o reforzo na financiación do Servizo de Axuda no Fogar e a intensa colaboración co tecido social para levar por todo o territorio máis e mellores servizos de atención á discapacidade. En cada un dos concellos puxo o énfase nos proxectos estrela dos candidatos, no caso do de Riotorto na construción da residencia.

A alcaldable popular na Pontenova, Concepción Novo, criticou a lentitude coa que avanzan as obras da residencia da terceira idade que constrúe a Deputación provincial, “despois de doce anos de promesas incumpridas”. Expuxo a súa iniciativa para a creación do voluntariado social e de acompañamento, que cre que será un complemento moi útil ao Servizo de Axuda no Fogar. A candidata popular trazou tamén as grandes liñas do que será a maneira de actuar do seu goberno, se ten a confianza dos seus veciños e veciñas, en canto a practicar a escoita activa e actuar con transparencia e buscando a participación. Novo comprometeuse “a petar en todas as portas que faga falta” para conseguir sacar adiante os compromisos que adquire como candidata.

O coordinador xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que A Pontenova é un concello estancando, debido a un goberno local que está canso. Nestes anos, segundo sinalou Balseiro, A Pontenova non gañou nin servizos nin infraestruturas e non foron capaces de abrir a residencia da terceira idade da que veñen falando elección tras elección. Balseiro manifestou: “Queremos cambiar esa dinámica e por iso apostamos fortemente para que Conchita sexa alcaldesa”

0.16507196426392