Concentración de traballadores e veciños de Alcoa en San Cibrao
O comité de empresa de Alcoa e os veciños volveron manifestarse hoxe en San Cibrao en apoio aos traballadores, nunha concentración masiva que saiu dende a praza dos Campos.
Tralos cánticos "Sepi traidora A Mariña non perdona" e "se non hai solución, Goberno dimisión", o presidente do comité, José Antonio Zan, comunicou o seu malestar por todo o proceso que se está a vivir trala noticia de que a Sepi, Sociedade Estatal de Participacións Industriais, non intervirá finalmente na compra da fábrica de Aluminio, algo que os traballadores esixen para ter garantías sobre o proceso e que tamén pide Alcoa, que se nega a vender directamente aos grupos interesados.
O comité chama a unha mobilización masiva para a que piden que se involucre toda a veciñanza e seguirá a reclamar a intervención estatal para que non suceda en San Cibrao o mesmo que nas plantas da Coruña e Avilés.