Concellos da comarca lembra as normas para a queima segura das fogueiras de San Xoán e San Pedro

Con motivo das tradicionais festas de San Xoán e San Pedro, que se celebran a noite do 23 e 28 de xuño respectivamente, os distintos concellos da comarca están a facer un chamamento á cidadanía para que cumpra rigorosamente as normas de seguridade relativas á queima das fogueiras, lumieiras e cacharelas.
Entre as principais medidas, prohibise a utilización de rodas, cubertas de goma, plásticos ou calquera produto derivado de hidrocarburos, así como materiais contaminantes que poidan afectar o medio ambiente. Tamén está expresamente vetado empregar o lume para queimar residuos domésticos como mobles, colchóns ou roupa, coa fin de evitar emisións tóxicas.
As fogueiras deben manter unha distancia mínima de 50 metros respecto a zonas forestais e 15 metros das vivendas ou outras construcións, e está prohibido acendelas preto de liñas eléctricas, depósitos de materiais inflamables ou espazos públicos. Estas medidas buscan minimizar o risco de incendios e garantir a seguridade dos participantes e do entorno.
Os responsables das queimas teñen a obriga de vixiar o lume ata a súa completa extinción e de limpar os restos da fogueira unha vez rematada a celebración.
Para facilitar o control e organización das festas, os concellos abriron xa o prazo para solicitar os permisos correspondentes. Os interesados poden facelo de xeito presencial nas Casas do Concello ou, en algúns casos, por vía telefónica.
O prazo para a presentación de solicitudes pecha normalmente o 22 de xuño, polo que desde as administracións municipais animan á veciñanza a formalizar a petición con antelación e cumprir todas as medidas de seguridade para desfrutar dun San Xoán e San Pedro responsables e seguros.
