Concello e sindicatos aproban por unanimidade a primeira RPT de Burela

AMariñaXa
O novo documento organiza o persoal municipal, define funcións e busca mellorar a eficiencia na xestión local
Burela-oficina-concello-alcaldesa
11 Aug 2025

O Concello de Burela deu un paso considerado histórico ao aprobar, por unanimidade na Mesa de Negociación, a súa primeira Relación de Postos de Traballo (RPT). O acordo contou co respaldo de todas as forzas sindicais con representación —CSIF, CIG, UGT e CCOO— e supón, segundo a alcaldesa Carmela López, “dispoñer dunha ferramenta clave para organizar o persoal, clarificar funcións e responsabilidades, e mellorar a coordinación interna para prestar un mellor servizo á veciñanza”.

A nova RPT recolle o organigrama municipal actualizado, un manual de procedemento, a valoración dos postos e as fichas descritivas de cada un deles. Este marco pretende adaptar o funcionamento da administración local á realidade actual, facilitando a planificación e modernización dos recursos humanos.

Ata agora, o Concello carecía deste instrumento, unha ausencia que dificultaba a xestión interna. A alcaldesa salientou que “acordamos por unanimidade un documento que se levaba anos reclamando e que era un compromiso firme deste equipo de goberno. É unha mellora que repercutirá directamente no funcionamento diario do Concello e, polo tanto, no servizo que reciben todos os veciños e veciñas”.

López agradeceu especialmente “o traballo e implicación de todo o persoal técnico, asesores, representantes sindicais e do equipo de goberno que fixeron posible este acordo histórico”, subliñando que a nova estrutura permitirá avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente, equilibrado e transparente.

⚙ Configurar cookies
0.44108486175537