Concello e Plataforma Sanitaria únense pola situación do centro de saúde de Viveiro
Representantes da Plataforma Sanitaria da Mariña mantiveron unha reunión no Concello de Viveiro coa alcaldesa, María Loureiro. Dito encontro foi solicitado a este colectivo desde a Alcaldía , para tratar en profundidade da situación límite que vive o Centro de Saúde de Viveiro, con días no que un so facultativo estivo a atender a totalidade da vila de preto de dezaseis mil habitantes.
Nesta reunión a alcaldesa de Viveiro trasladou a súa preocupación pola deriva que está a tomar a asistencia sanitaria na localidade e mesmo falou tamén das derivacións que se están a dar tamén desde o PAC ao servizo de urxencias do Hospital da Mariña, sen previa valoración, debido á enorme presión asistencial que están a sufrir por falta de profesionais, así como tamén das eivas dun servizo de atención telefónica sobresaturado ou da xestión ineficaz nos trámites das baixas por covid.
Desde o colectivo sanitario "trasladamos á alcaldesa a nosa preocupación polo desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na comarca, agravada pola pandemia e a sexta onda, máis xa evidente e progresiva desde o ano 2010. Coincidimos na necesidade de que colectivos, veciños e responsables políticos e sindicais da comarca aunemos forzas para defender a nosa Atención Primaria, pois camiña cara ao caos máis absoluto”- conclúe Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria