Concello de Ribadeo e Deputación convenian acometer diversas obras de mellora
Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron un convenio extraordinario de colaboración para acometer diversas obras de mellora na rúa Luz Pozo Garza e nun treito de Virxe do Camiño. O investimento ascenderá a 184.000 euros.
Segundo o alcalde, Fernando Suárez, "a rúa Luz Pozo Garza e unha parte da rúa Virxe do Camiño, a que está máis próxima ao Xardín de Indianos e a propia capela da Virxe do Camiño estaban deterioradas por mor de sucesivas de reparacións, de fugas, etcétera,”.
Este convenio económico extraordinario coa Deputación de Lugo está dotado con 184.000 euros, para renovar o pavimento das beirarrúas e a capa de aglomerado de toda a calzada da rúa Luz Pozo Garza e tamén para implementarlles novas tubaxes de abastecemento de auga e nova canalización de saneamento e unha nova rede de alumeado xa fixada con criterios de LED.
Na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos, vaise substituír o pavimento existente dunha beirarrúa, que está absolutamente deteriorado e é moi perigoso, e vanse renovar tamén as farolas existentes e o sistema de alumeado, que se atopa fóra de servizo desde hai anos. E tamén na marxe contra a capela da Virxe do Camiño vanse substituír e ampliar as beirarrúas existentes, así como vai haber unha nova sinalética vertical e horizontal.