Concello de Burela e Xunta concretan a proposta para a nova depuradora de augas residuais
Construirase unha nova depuradora, que inclúe sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.
A Xunta trasladoulle ao Concello de Burela a proposta de convenio para executar a nova depuradora de augas residuais, que suporá un investimento de 8,7 millóns de euros.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa, María del Carmen López, para abordar as intervencións necesarias para optimizar o sistema de saneamento do municipio.
Na reunión tratouse o financiamento deste proxecto que se concretará nun convenio de colaboración entre as administracións autonómica e local.
Segundo a proposta trasladada pola directora de Augas de Galicia á alcaldesa, o Goberno galego achegará o 95 % do investimento para a execución da nova depuradora, que contará co cofinanciamento a través dos fondos europeos Feder, correspondéndolle ao Concello achegar o 5 % restante.
As actuacións proxectadas por Augas de Galicia teñen como obxectivo solucionar as deficiencias detectadas na actual depuradora, que foi construída no ano 1999, e mellorar o funcionamento do sistema de saneamento local.
Deste xeito, executarase unha depuradora con novos sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.
A solución adoptada consiste nun proceso de tratamento de lodos activos en modalidade de aireación prolongada, dispoñendo dun reactor biolóxico en forma de coroa circular ao redor dos decantadores secundarios, o que permite unha instalación máis compacta que reduce o espazo de implantación.
Estas obras para a mellora do saneamento de Burela completaranse coas do colector xeral e a execución dunha estación de bombeo e pretratamento que recollerá a maior parte das augas residuais do municipio para impulsalas cara á futura nova depuradora.
Tamén se renovará a rede de colectores xerais para dirixir as augas residuais á nova estación de bombeo e construiranse colectores secundarios para dar servizo á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítima.
Estas intervencións, que xa foron adxudicadas, supoñen un investimento adicional por parte da Xunta de 4,7 millóns de euros, tamén financiado con fondos europeos do programa Feder. A previsión é poder iniciar estes traballos nestes primeiros meses de ano, cun prazo de execución de 15 meses.