Conceden as axudas a varias escolas municipais de música

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Hai dúas liñas nas subvencións, para escolas dependentes de concellos e para aquelas que xestionan entidades sen ánimo de lucro
banda-musica-instrumento
9 Jan 2025

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden as axudas dirixidas a escolas de música públicas e privadas dependentes de concellos e de institucións sen ánimo de lucro. En total a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 265.000 euros a estas subvencións, das que este ano se benefician 78 escolas de 67 concellos de toda a xeografía galega, nas que estudan case 12.200 alumnos.

A convocatoria establece dúas categorías, unha para escolas de música públicas dependentes dos concellos e outra para as que dependan de institucións sen ánimo de lucro. En ambos os casos, os centros debían estar incluídos no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxectivo desta convocatoria é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte, tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical.

Non en balde, este tipo de escolas funcionan como canteira para a formación de afeccionados e nas súas instalacións prepárase ao alumnado para as probas de acceso aos estudos conducentes á titulacións oficiais de Música.

Na primeira categoría, escolas municipais, concédense axudas por un importe total de 100.000 euros a 42 escolas. Entre elas están as coruñesas de Abegondo e Ordes e as ourensás de Allariz, Barbadás, Maceda e San Cibrao das Viñas. Na provincia de Lugo destacan as de Begonte, Guitiriz, Lugo, Meira, Mondoñedo, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Ribadeo e Sober.

Na segunda categoría, escolas dependentes de entidades sen ánimo de lucro, outórganse axudas por importe de 165.000 euros a 36 escolas. Entre elas está a luguesa de Chantada, a ourensá de Celanova. Na Coruña tamén foron beneficiadas as de Cambre, A Coruña (Compañía de María) e As Pontes.

0.16853404045105