Compromiso por Galicia de Ribadeo presentou a súa lista de cara as eleccións municipais

TerraChaXa | AMariñaXa
CxG ensalza a experiencia do seu candidato á alcaldía de Ribadeo, Jesús Pérez Moreda, como ex concelleiro e da actual edil e nº 3 da lista Aurora González.
5 May 2019

CxG ensalza a experiencia do seu candidato á alcaldía de Ribadeo, Jesús Pérez Moreda, como ex concelleiro e da actual edil e nº 3 da lista Aurora González. As Catedrais foi o lugar elixido para a presentación da candidatura e para dar a coñecer os puntos nos se estrutura o programa co que se presentan a estes comicios.

Jesús Pérez Moreda, mais coñecido como Suso Vilalba, de formación técnico especialista en electricidade electrónica, técnico superior en medio ambiente, técnico en seguridade laboral, na súa vida profesional da que xa esta retirado, foi delegado para Galicia dunha multinacional francesa e colaborou na súa implantación no norte de España. Socorrista na praia dos Castos, foi secretario do F.C. Ribadeo e foi adestrador do baloncesto de Ribadeo durante 20 anos e é un gran apaixonado da ría de Ribadeo.

Na súa época de concelleiro de goberno nos anos 1987 a 1995 estivo á fronte das areas de Deportes e Praias, época na que se construíu a piscina municipal e unha pista deportiva en cada parroquia, ademais comezáronse os traballos para levar a auga ás praias xunto coa implicación das escolas municipais deportivas.

Pérez Moreda declarou que “presentamos unha lista que coñece e sufre  os problemas da nosa vila, tanto do núcleo urbano como do rural. É unha lista con persoas que xa teñen experiencia política demostrada”. Sobre algúns dos membros da candidatura explicou que “a nosa número dous é Begoña Fernandez, das Anzas, corredora de seguros e gran coñecedora dos problemas e inquedanzas da xente do rural, no número tres vai Aurora Gonzalez, funcionaria e residente en Vilaframil, gran coñecedora do funcionamento municipal nestes anos grazas os catro que leva como concelleira. De número catro vai Rafael Izquierdo, autónomo, e de número cinco José Ramón Lopez Martínez, informático, natural de Ribadeo e vinculado a actividades deportivas infantís”.

Na presentación da candidatura de Compromiso por Galicia Ribadeo tamén se deron a coñecer algún dos aspectos do seu programa. Está formado por un total de cincuenta e sete puntos, divido en sete areas que consideran de vital importancia para mellorar en Ribadeo. Por un lado, economía, servizos sociais, emprego e cidadanía, seguido de desenvolvemento local, infraestruturas, medio ambiente, rural e praias, cultura e deportes, turismo e por ultimo tráfico.

O alcaldable, Jesús Pérez Moreda sinalou que “se trata dun programa enfocado no 70% das súas medidas á mellora na xestión dos servizos públicos e dos problemas actuais do noso concello e o resto son propostas en inversións. A primeira medida que tomaremos, e que figura no programa, é a redución ao 50% de todos os soldos políticos, e esa partida duns 50.000 euros, que vaia destinada a servizos sociais”.  Para Pérez Moreda “son moitos os problemas desta vila que hai que solucionar, unha aposta por mellorar os servizos, sociais, a limpeza das rúas, o trafico e falta de aparcamentos e as propostas en materia turística”.

O cabeza de lista de CxG en Ribadeo presenta a súa candidatura convencido de que é un bo momento para dedicarse activamente a mellorar a vila ribadense, crendo no potencial que Ribadeo ten e que non se está a aproveitar ademais de traballar en mellorar as grandes deficiencias que está haber en moitas areas da xestión municipal.

Jesús Pérez preséntase co firme obxectivo de gobernar Ribadeo “non como outros candidatos que xa de inicio pensar en non gañar e xa están a repartirse áreas de goberno e cadeiras na Deputación Provincial de Lugo”.

0.16418313980103