Comisións Obreiras denuncia a falta de persoal na residencia de maiores San Rafael de Mondoñedo

Comisións Obreiras (CCOO) vén de denunciar a crítica situación que se vive na residencia de maiores San Rafael, en Mondoñedo, xestionada por Mensajeros de la Paz, debido á falta de persoal. As traballadoras do centro sinalan que esta escaseza está a provocar serias dificultades para ofrecer unha atención adecuada aos 47 residentes, situación que se vén arrastrando nos últimos meses.
O sindicato alerta de que unha terceira parte do persoal está de baixa e estas ausencias non se están cubrindo, o que xera unha carga de traballo excesiva e uns niveis alarmantes de estrés entre as empregadas. Esta situación, indican, está afectando non só á saúde das traballadoras, senón tamén á calidade dos coidados que reciben os residentes.
Ademais, CCOO denuncia que o centro non conta co persoal de enfermería necesario que esixe a lexislación. Actualmente, só dispoñen de enfermeiras de luns a venres, deixando os fins de semana sen cobertura adecuada. Esta carencia provoca que as xerocultoras e incluso as directoras do centro se vexan obrigadas a asumir funcións que non lles corresponden, o que xa foi detectado nunha recente inspección.
Neste sentido, CCOO fai un chamamento á Xunta de Galicia para que tome medidas inmediatas, lembrando que, ao ser un centro concertado, é esencial garantir que o cumprimento dos dereitos laborais repercuta directamente na calidade dos coidados ofrecidos ás persoas maiores.