Comezou na Confraría de Pescadores de Burela un curso de seguridade marítima
Comezo na Confraría de Pescadores de Burela o Curso de Formación Básica en Seguridade Marítima, cunha duración total de 70 horas. Esta acción formativa está enmarcada no proxecto “Cursos de Formación Específica Marítima 2025” e está completamente subvencionada grazas á cofinanciación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 da UE, que achega o 70 % do financiamento (74.892,51 euros), e da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, que aporta o 30 % restante (32.096,79 euros). O importe total deste proxecto ascende a 106.989,30 euros.
Accións formativas incluídas no proxecto
O proxecto inclúe as seguintes accións formativas, orientadas a capacitar profesionais do sector pesqueiro:
- Formación Básica en Seguridade Marítima: 10.800 euros
- Patrón/a Costeiro/a Polivalente - Sección de Ponte: 26.095 euros (dúas edicións)
- Patrón/a Costeiro/a Polivalente - Sección de Máquinas: 18.500 euros (dúas edicións)
- Custos indirectos (7%): 6.999,30 euros
Obxectivos do proxecto
Os obxectivos principais desta iniciativa céntranse en fomentar unha pesca máis competitiva, sustentable e socialmente responsable. Entre os obxectivos específicos destacan favorecer o relevo xeracional no sector pesqueiro, valorando a participación de mulleres e xoves e promovendo a igualdade de oportunidades.
Así como capacitar profesionais mediante a formación específica para mellorar a competitividade e o desenvolvemento do sector. Tamén buscan promover a preservación do ecosistema mariño e o uso eficiente dos recursos pesqueiros, e reforzar o papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local, nas condicións de traballo e no patrimonio cultural.
Resultados esperados
Espérase que, grazas ao desenvolvemento destas accións formativas, un mínimo de 60 profesionais do sector se beneficien dunha formación específica en materia de seguridade marítima e especialización. Este proxecto tamén contribuirá a paliar o déficit de persoal cualificado no sector pesqueiro, mellorando a seguridade e impulsando o relevo xeracional.
No porto base de Burela, que conta con máis de 80 unidades de flota (arrastre, cerco, volanta, artes menores e pesca de altura), estas formacións serán clave para garantir a viabilidade e a sustentabilidade das actividades pesqueiras. A colaboración da Confraría de Pescadores de Burela e o apoio institucional converten este proxecto nunha oportunidade única para o desenvolvemento profesional e económico da comarca.