Comezou a XLIII Mostra Folklórica Internacional de Viveiro
O Concello de Viveiro acollerá un ano máis a celebración da súa Mostra Folklórica Internacional, que se terá lugar esta semana. O evento é organizado cada ano pola Asociación Bágoas da Terra, pertencente á Federación de Asociaciones de Coros y Danzas de España (FACYDE).
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presentou o evento xunto á presidenta de Bágoas da Terra, Mari Carmen González López, “Chipe”, o tesoureiro Francisco Fanego, e a encargada de vestiario e infraestruturas Cruz Penso. González López destacou a “axuda incondicional do Concello, do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia” para levar adiante o festival.
Entre a programación anunciada destaca a participación de agrupacións procedentes de Taiwán, Serbia, Colombia, Kenya ou Chile. Será de entrada libre e gratuíta en todas as súas xornadas.
O evento, que xa comezou, desenvolverase ata o domingo 6 de agosto, con diferentes actuacións, desfiles e actividades. O propio domingo celebrarase a Gran Gala Internacional, o acto central da programación.
A mostra celebra este ano a súa 43ª edición, e posiciona a Viveiro como un referente cultural con amplo recoñecemento internacional, xa que pertence ao CIOFF (Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folklore e das Artes Tradicionais), integrado na ONU-Unesco.
“Dende o Concello de Viveiro mantemos un forte compromiso coa cultura en xeral e con este evento en particular, polo seu renome e proxección internacional. Colaboramos coa organización a través de subvencións e axuda loxística, así como a cesión de espazos”, explica María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.