Comezou a conservación e limpeza no treito interurbano de catro regos, no concello de Lourenzá
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano de catro regos, no concello de Lourenzá.
Estas tarefas están a levarse a cabo nos treitos interurbanos dos regos de Batán, de Recemil, de Arroxo e no rego de Baus.
Os traballos desenvolveranse nunha lonxitude de preto de máis de 11,7 quilómetros, no percorrido destes regos por distintos lugares do municipio.
As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, os regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.
A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.