Comezaron os traballos de baleirado do mobiliario no Hospital Asilo como paso previo ao inicio da reforma
Comezaron os traballos de baleirado do mobiliario no Hospital Asilo, paso previo ao inicio da reforma do inmoble, que o alcalde, Dani Vega, considera moi necesaria e fundamental para Ribadeo.
O rexedor dixo que “xa comezaron os traballos para retirar todo o equipamento, todo o mobiliario do Hospital Asilo para así comezar as obras neste mes de outubro”.
Vega lembrou que “nos sempre dixemos con moita claridade que é unha obra importante, con moitas dificultades, cun investimento que superará o 1,6 millóns de euros e por iso precisamos retirar todo o equipamento, é dicir facer un baleirado profundo do Hospital Asilo”.
O Concello realiza un estudo para decidir o destino que lle dará a ese mobiliario: “estamos a facer un estudio sobre o destino que lle daremos a este equipamento e estamos a dar os primeiros pasos para comezar unha obra fundamental e moi necesaria para Ribadeo”.
O alcalde subliñou que “por parte do Concello fixemos todo o traballo e toda a xestión para contar co orzamento necesario. Con esta obra colaborará tamén a Xunta de Galicia”.