Comezaron as obras no tramo do Camiño na LU-132 ao seu paso por Trabada
Vanse a executar obras de mellora da seguridade nun treito da vía autonómica LU-132 que coincide co Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello de Trabada, traballos que está previsto rematar nun prazo de dúas semanas.
Estes traballos, que teñen un orzamento de 144.300 euros, comezarán á altura do punto quilométrico 11+500, nunha parte da estrada que transcorre paralela á ruta xacobea, na que se está a construír unha pasarela de madeira, que contará con malla metálica antideslizante onde fose necesario.
As obras incluirán a roza das marxes, a mellora do pavimento do Camiño en todo ese percorrido, a instalación de dúas pasarelas peonís de madeira, a colocación de barreiras de seguridade e o reforzo da sinalización para advertir aos condutores da posible presenza de peóns. Esta última actuación será especialmente sensible no cruce de Soenlle, no que se está a valorar ademais de reforzar a sinalización, a colocación de bandas rugosas.
"Vaise actuar en dúas pasarelas para evitar o máximo posible o perigo dos viandantes por esa estrada", din dende o grupo Popular de Trabada, "xa se fixera un tramo á altura do Chao de Sevil, e agora faise no resto do percorrido do Camiño onde transcurre por esta estrada", remataron dicindo.